martes, 20 de octubre de 2026

A NOSA PEGADA DIXITAL: APRENDENDO  A PROTEXELA

Hoxe, un grupo de 2º de ESO, participou nunha charla impartida por Cristina Cabeza en representación da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). 
Esta actividade enmárcase no programa da Consellería "Uso seguro da pegada dixital"
A sesión permitiu reflexionar sobre a identidade dixital, é dicir, a imaxe que cada un de nós constrúe en internet, e sobre a pegada dixital, o rastro que deixan as nosas accións na rede.
Durante a charla abordáronse diferentes aspectos:
  • A pegada dixital dos influencers e o impacto dos contidos que publican.
  • A información que as redes sociais recollen sobre nós: os nosos intereses, as relacións que mantemos e mesmo os indicios que lles permiten inferir o noso estado de ánimo.
  • A influencia dos algoritmos nos contidos que vemos e consumimos. Introduciuse o concepto de dwell time, o tempo que nos detemos nun contido mentres navegamos ou facemos scroll, que pode servir para identificar aquilo que capta a nosa atención.
  • A ciberseguridade e a configuración da privacidade nas redes sociais, con recomendacións como evitar compartir a localización, limitar os anuncios personalizados e activar a verificación en dous pasos.
  • O uso da intelixencia artificial en redes como TikTok e a súa relación coa creación de contidos falsos e coa desinformación.
  • A Canle Prioritaria da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), que permite comunicar a difusión non consentida de contidos sexuais ou violentos que poñan en grave risco as persoas afectadas e solicitar a súa retirada urxente.
A charla incluíu exemplos prácticos sobre os riscos de confiar na IA, sen contrastar a información, como o caso dun influencer que perdeu un voo tras seguir a recomendación de     que non era necesario o visado para entrar no país de destino; a retirada da admisión a varios futuros estudantes de Harvard por compartir bromas ofensivas nun grupo de Facebook; a decisión do Deportivo de non fichar  a un xogador  por un tuit ofensivo; o caso dunha moza que perdeu unha oportunidade de prácticas na NASA polos seus comentarios nas redes sociais. 

Estes exemplos permitiron reflexionar sobre como o que compartimos en internet pode afectar o noso futuro académico e profesional.

Unha sesión para aprender a coidar a nosa identidade dixital, protexer os nosos datos e desenvolver unha mirada crítica ante os contidos que circulan pola rede.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

A NOSA PEGADA DIXITAL: APRENDENDO  A PROTEXELA Hoxe, un grupo de 2º de ESO, participou nunha charla impartida por Cristina Cabeza en represe...