A NOSA PEGADA DIXITAL: APRENDENDO A PROTEXELA
Hoxe, un grupo de 2º de ESO, participou nunha charla impartida por Cristina Cabeza en representación da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
Esta actividade enmárcase no programa da Consellería "Uso seguro da pegada dixital"
A sesión permitiu reflexionar sobre a identidade dixital, é dicir, a imaxe que cada un de nós constrúe en internet, e sobre a pegada dixital, o rastro que deixan as nosas accións na rede.
Durante a charla abordáronse diferentes aspectos:
- A pegada dixital dos influencers e o impacto dos contidos que publican.
- A información que as redes sociais recollen sobre nós: os nosos intereses, as relacións que mantemos e mesmo os indicios que lles permiten inferir o noso estado de ánimo.
- A influencia dos algoritmos nos contidos que vemos e consumimos. Introduciuse o concepto de dwell time, o tempo que nos detemos nun contido mentres navegamos ou facemos scroll, que pode servir para identificar aquilo que capta a nosa atención.
- A ciberseguridade e a configuración da privacidade nas redes sociais, con recomendacións como evitar compartir a localización, limitar os anuncios personalizados e activar a verificación en dous pasos.
- O uso da intelixencia artificial en redes como TikTok e a súa relación coa creación de contidos falsos e coa desinformación.
- A Canle Prioritaria da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), que permite comunicar a difusión non consentida de contidos sexuais ou violentos que poñan en grave risco as persoas afectadas e solicitar a súa retirada urxente.
A charla incluíu exemplos prácticos sobre os riscos de confiar na IA, sen contrastar a información, como o caso dun influencer que perdeu un voo tras seguir a recomendación de que non era necesario o visado para entrar no país de destino; a retirada da admisión a varios futuros estudantes de Harvard por compartir bromas ofensivas nun grupo de Facebook; a decisión do Deportivo de non fichar a un xogador por un tuit ofensivo; o caso dunha moza que perdeu unha oportunidade de prácticas na NASA polos seus comentarios nas redes sociais.
Estes exemplos permitiron reflexionar sobre como o que compartimos en internet pode afectar o noso futuro académico e profesional.
Unha sesión para aprender a coidar a nosa identidade dixital, protexer os nosos datos e desenvolver unha mirada crítica ante os contidos que circulan pola rede.
