A Formación Profesional, unha opción de futuro: Encontro co alumnado de 4º da ESO
O pasado luns, 1 de xuño tivemos a oportunidade de recibir no noso centro a visita dunha representante da Cámara de Comercio, acompañada por dous alumnos de ciclos de Formación Profesional e un alumno do noso centro do ciclo de Actividades Físicas. O obxectivo deste encontro foi achegar ao alumnado de 4º da ESO información de primeira man sobre as diferentes opcións que ofrece a Formación Profesional.
Durante a charla, os estudantes invitados compartiron a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron escoller a FP, como é o seu día a día nos ciclos que están a cursar e cales son as oportunidades formativas e laborais que lles ofrece esta modalidade educativa. As súas intervencións resultaron moi enriquecedoras, xa que permitiron ao alumnado coñecer exemplos reais e resolver dúbidas sobre itinerarios académicos e saídas profesionais.
Pola súa banda, a representante da Cámara de Comercio destacou a importancia da Formación Profesional no actual mercado laboral, incidindo na alta demanda de profesionais cualificados e nas múltiples posibilidades de inserción laboral que ofrece esta vía formativa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario